Publicado: 24/04/2021 22:03:47

O XCO galego reactivouse na Cañiza con solventes vitorias de Iván Feijoo e Lara Lois

A elite do Extol e o sub23 do BH Templo exhibíronse nas probas raiñas da primeira cita da Copa Galicia

O BTT galego está de volta. Despois dun ano sen competicións, a localidade pontevedresa da Cañiza acolleu este sábado a primeira proba do Open de Galicia XCO. Dous dos mellores bikers do panorama autonómico e estatal, a elite Lara Lois (Extol MTB Team) e o sub23 Iván Feijoo (BH Templo Cafés UCC), deron lustre cos seus triunfos a unha xornada que rexistrou unha espectacular participación e na que se aplicou un estrito protocolo sanitario.

Os 240 ciclistas inscritos tiveron que presentar un resultado negativo nun test de covid-19 para acceder á burbulla na que se converteu o circuíto do campo de fútbol de Augas Férreas. A cita organizada pola Grupetta Pan de Zarko, entidade que no complexo contexto da pandemia traballou arreo para sacar adiante este evento, non contou coa presenza de público e só puideron anotarse corredoras e corredores das catro provincias galegas.

O III Trofeo BTT-XCO Concello da Cañiza disputouse nun percorrido esixente, con moito desnivel, que agradou aos corredores. O programa de competición dividiuse en dúas quendas e antes de que dera inicio gardouse un emotivo minuto de silencio en recordo de Guillermo Sande. No primeiro bloque de carreiras, Tomás Pombo (Cambre) bateu a Martín Sestelo (Avanza) nos cadetes; Iván Pereira (Xesteiras) impúxose a Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko) nos máster-40; mentres que Manuel Castro (Barbanzabike) venceu con comodidade nos máster-50/60.

A segunda e última manga arrancou coa saída dos elite-sub23. Non houbo sorpresa e Iván Feijoo non tardou en deixar atrás ao resto dos corredores. O alaricano completou as seis voltas ao circuíto cun tempo de 1 hora 24 minutos e 35 segundos, avantaxando en 1:22 ao elite Saúl López (Academia Postal) e en 13” máis ao tamén elite Brais Sendín (Lasal Cosinas – Louriña).

“Foi unha carreira moi rápida. Saín tranquilo, na terceira praza, e a metade da primeira volta peguei un cambio de ritmo. Marcheime só, abrín oco e pouco a pouco fun ampliando a distancia”, explicou Feijoo, que aproveitou a primeira competición da temporada en Galicia para pulir o seu estado de forma: “Teño que seguir traballando para chegar no meu mellor momento a agosto, o mes no que se celebran o Campionato de Europa e o Mundial”.

Como posta a punto para vindeiros desafíos tamén afrontou a carreira a gañadora da proba raíña feminina. Lara Lois triunfou de xeito incontestable investindo 1 hora e 10 minutos en completar as catro voltas fixadas para as elite-sub23. No podio estivo escoltada por outras dúas bikers elites: Diana Blanco (Bicicletas Chinquena) e Desiree Fernández (RsBike), segunda e terceira respectivamente.

 “Gustoume moitísimo o circuíto. É divertido e duro porque ten unhas subidas bastante esixentes. Busquei facer as dúas primeiras voltas fortes, pensando nos próximos obxectivos da temporada, e regular un pouco no resto da carreira. Atopeime bastante cómoda de ritmo”, explicou Lois.

No resto das categorías, Laura Mira (Avanza) obtivo o primeiro posto nas juniors; Miguel Rodríguez (Ponteareas) superou a Anxo Carril (Coruxo) nos juniors; o Avanza asinou un triplete nas cadetes liderado por Aroa Otero; e Manuel Parada (Xesteiras) non permitiu que se lle achegara Rubén Deaño (Ourense Termal) nos máster-30.

Luis Piña, alcalde da Cañiza; María José Rodríguez, concelleira de Servizos Municipais, Persoal e Medio Ambiente; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo, asistiron a unha cerimonia de premios na que os gañadores de cada carreira recibiron os maillots de líderes da Copa Galicia XCO. O certame autonómico da modalidade olímpica regresará o 29 de maio no municipio coruñés de Cambre. 

 

Clasificación

C/ Ferraz 16 - 5º Derecha
28008 | Madrid
Tel.: 915 40 08 41
info@rfec.com
press@rfec.com