Publicado: 31/05/2021 19:14:33

Os líderes Elite da Copa Galicia XCO consolidan o seu status en Cambre

Lara Lois (Extol) e Saúl López (Academia Postal) venceron nas categorías raíñas da segunda xornada do certame autonómico

O Cross Country Olímpico galego volveu a súa ‘Catedral’ na segunda xornada da Copa Galicia XCO. O emblemático circuíto deseñado no Monte da Rega acolleu o pasado sábado a vixésima edición Gran Premio XCO Concello de Cambre, con máis de 200 bikers en liza e dous indiscutibles gañadores nas categorías Elite. A grovense Lara Lois (Extol) e o monfortino Saúl López (Academia Postal) reforzaron os seus liderados nos rankings do certame autonómico obtendo cadanseu triunfo absoluto.

A cita organizada polo Club Ciclista Cambre comezou cunha primeira quenda na que ningún dos tres corredores que chegaba como líder foi quen de conservar ese status. Martín Sestelo (Avanza-O Porriño) venceu por diante de Tomás Pombo (Cambre), un resultado que os iguala no máis alto da táboa cadete, pasando a lucir a camisola de primeiro na xeral o biker da formación porriñesa. Unha situación similar aconteceu nos máster-50/60 entre dous representantes do Barbanzabike: o gañador da xornada e novo líder José Ramón Castelo e o seu compañeiro Manuel Castro. Mentres que nos máster-40 a camisola de primeiro clasificado tamén cambia de propietario dentro do mesmo equipo, con Alejandro Trasbach (Xesteiras) desbancando ao fronte do ranking a Iván Pereira, sétimo na ‘Catedral’.

As outras oito categorías entraron en acción na segunda manga, cos favoritos impoñendo a súa lei en todas as carreiras. Na raíña masculina, Saúl López cumpriu sen apuros. O xefe de filas do Academia Postal-Abanca de Maceda pedaleou durante 1 hora 24 minutos e 46 segundos, distanciándose en 3:18 de Jorge Punzón (Cosmos) e o podio elite completouno Estefan González (Burgas Bike). O primeiro sub23, e quinto na clasificación absoluta por detrás de José Ramón Villanueva (Burgas Bike), foi Andrés Valcárcel (Monforte), novo líder do seu grupo de idade aproveitando a ausencia de Iván Feijoo (BH Templo).

Pola súa banda, o primeiro posto júnior non se lle escapou a Miguel Rodríguez (Ponteareas), coa camisola de primeiro da xeral, alleo ao vibrante duelo pola segunda praza que se resolveu ao esprint con Gabriel Conde (Avanza-O Porriño) batendo a Ricardo Buba (Vigo-Rías Baixas). A emoción nos máster-30 centrouse na pugna pola vitoria. O líder Manuel Ángel Parada (Xesteiras) superou por 13” de marxe a Rubén Deaño (Ourense Termal).

Póker de gañadoras

Nunha repetición do que acontecera a mediados de abril na apertura da Copa na Cañiza, a elite Lara Lois fixo un adestramento de calidade rodando practicamente en solitario dende o inicio dunha proba na que investiu 1:26:31. A especialista do Extol MTB Team recolleu o trofeo de gañadora  escoltada por Diana Blanco (Bicicletas Chinquena) e Desiree Fernández (RSBike). Do mesmo xeito, Laura Mira (Avanza-O Porriño) repetiu éxito en Cambre, nesta ocasión con 40” de vantaxe sobre a local Sofía Álvarez.

En canto ás cadetes, María Filgueiras (Caimanes Betanzos) estreouse na Copa con vitoria e a segunda clasificada, Marta Estévez (Avanza-O Porriño), asalta a primeira posición da xeral. Outro debut triunfal asinouno a máster-30 Eva Ortega (Biciosos-Rías Baixas), coa líder Silvia García (Bici Verde) rematando segunda.

A Copa Galicia XCO descansará a vindeira fin de semana e regresará o 12 de xuño na localidade ourensá de Maceda, noutro dos templos do BTT autonómico. 

 

Clasificacións

Álbum de fotos de Luz Iglesias

C/ Ferraz 16 - 5º Derecha
28008 | Madrid
Tel.: 915 40 08 41
info@rfec.com
press@rfec.com