Facebook Twitter Youtube Instagram TikTok RSS Español
Publicado: 27/11/2020 09:51:23

A Copa Galicia estrea circuíto este sábado en Sanxenxo

A primeira edición do ciclocrós Con da Romaíña arrancará ás 13:00 horas

Sen saír da provincia de Pontevedra, a Copa Galicia de Ciclocrós celebra este sábado a súa segunda xornada. Despois de arrancar a pasada fin de semana en Marín, o certame autonómico desembarca en Sanxenxo para descubrir un circuíto inédito. Coa primeira edición do ciclocrós Con da Romaíña inaugurarase o trazado deseñado na zona verde do parque empresarial de Nantes.

O Club Ciclista Corbelo organiza esta cita que reunirá a 193 participantes, todos eles empadroados en Galicia, e na que se volverá aplicar o protocolo fronte a covid da Federación Galega de Ciclismo. Os corredores que non estiveron na cita inaugural da temporada deberán presentar un resultado negativo nunha proba para detectar o virus realizada entre 24 e 72 horas antes da competición. Dentro da burbulla do circuíto, no que non se permite a presenza de público, os ciclocrosistas so poderán contar coa axuda dun único auxiliar.

As carreiras de cadetes encargaranse de abrir o programa deste evento ás 13:00 horas. Ás 13:45 tomarán a saída os máster-30, 50/60 e as mulleres máster e posteriormente, ás 15:30 os máster-40. Por último, ás 16:30 comezará a última quenda cos elite-sub23 e juniors de ambos sexos.

A Copa Galicia chega a súa segunda entrega liderada por Uxía Soto (Avanza) e André Martínez (Avaneza) en cadetes, Laura Mira (Avanza) e Miguel Rodríguez (Ponteareas) en juniors, Carla Fernández (Río Miera) e David Fernández (Avanza) en sub23, Irene Trabazo (XSM) e Daniel López (Cambre) en elites, Montserrat Martínez (Oiense) e Rubén Deaño (Ourense Termal) en máster-30, Sonia Costoya (Corbelo) e José Rodríguez (Norinver) en máster-40, José María Magariños (Condado Bike) nos máster-50 e Constante Lestido (O Trisquel) nos máster-60.

O calendario do certame autonómico constaba de seis xornadas ata que este xoves o Club Ciclista Barbanza anunciou oficialmente a suspensión do Ciclocross Concello de Boiro, previsto para o 6 de decembro. A proba decana desta disciplina en Galicia, que este ano cumpría a súa 34ª edición de xeito consecutivo, non se disputará neste 2020 por mor do aumentos dos casos de covid rexistrado durante os últimos días no municipio boirense.

GALERÍA DE FOTOS

A Copa Galicia estrea circuíto este sábado en Sanxenxo

C/ Ferraz 16 - 5º Derecha
28008 | Madrid
Tel.: 915 40 08 41
info@rfec.com
press@rfec.com