Publicado: 07/12/2020 09:27:51

Iván Feijoo, gran atracción este martes na Copa Galicia de Ciclocrós en Santiago

Terceiro clasificado na última cita da Copa do Mundo, o campión de España sub23 estréase no certame autonómico desta campaña

A Copa Galicia de Ciclocrós 2020 celebra este martes a súa terceira xornada en Santiago de Compostela e entre os corredores que rodarán sobre o barro ao carón do estadio Vero Boquete  sobresae un nome. Iván Feijoo, que no último domingo do mes de novembro subiu ao podio da Copa do Mundo, fai a súa estrea no certame autonómico desta campaña. O vixente campión de España sub23 entrará en acción ás 14:00 horas na última quenda de saídas da XIX edición do ciclocrós Cidade de Santiago.

O alaricano do Nesta-Skoda Alecar volve competir en Galicia once meses despois de revalidar a súa coroa estatal en Pontevedra. Para esta temporada Feijoo marcouse como obxectivo dar outro paso adiante a nivel internacional e chega a Santiago tras conseguir hai dez días un histórico terceiro posto no circuíto de Tábor (Républica Checa), onde se converteu no primeiro galego en pisar o caixón sub23 da Copa do Mundo.

A súa presenza na cita organizada polo Club Ciclista Compostelano-Muebles Compostela engade un aliciente máis á carreira elite-sub23 na que Dani López, vencedor na primeira xornada da Copa, e Saúl López, gañador da segunda, volverán medir forzas. O monfortino do Academia Postal-Maceda e o coruñés do Cambre-Renault Caeiro están igualados a puntos no máis alto do clasificación xeral Elite.

No resto das categorías lideran os rankings Uxía Soto (Avanza-O Porriño) e o seu compañeiro de equipo André Martínez en cadetes, Sofía Álvarez (Cambre) e Ricardo Buba (Coruxo) en juniors, Carla Fernández (Río Miera) e David Fernández (Avanza) en sub23, Irene Trabazo (XSM) nas elites, Eva Ortega (Biciosos-Rías Baixas) e Rubén Deaño (Ourense Termal) en máster-30, Sonia Costoya (Corbelo) e Marcos Mayo (BTT O Treito) en máster-40, José María Magariños (Condado Bike) nos máster-50 e Constante López (O Trisquel) nos máster-60.

Horarios

O programa de carreiras, nun circuíto de 2.500 metros de lonxitude no que a lama está garantida en grandes cantidades debido ás chuvias caídas nos últimos días, arrancará ás 10:00 coas dúas probas cadetes. Ás 10:45 comparecerán os máster-30 e 50/60 masculinos, así como as mulleres máster. A quenda dos homes máster-40 está prevista para as 12:45 e as competicións elite-sub23 e juniors, de ambos sexos, serán o prato forte da xornada a partir das 14:00.

Para minimizar o risco de contaxio por covid, o evento seguirá de forma estrita o "Protocolo de actuación para a volta da actividade ciclista fronte a Covid-19" da Federación Galega de Ciclismo e o "Protocolo Fisicovid-DXT galego XIX Ciclocross Cidade de Santiago". As corredoras e os corredores deberán contar con test PCR, antíxenos ou serolóxico negativos. Ademais, os participantes, auxiliares e técnicos teñen que pasar un control de acceso ao circuíto no que se comprobarán os seus datos e se procederá á toma da temperatura e á limpeza e desinfección das mans. Non está permitida a presenza de público dentro da burbulla creada ao redor do estadio Vero Boquete.

C/ Ferraz 16 - 5º Derecha
28008 | Madrid
Tel.: 915 40 08 41
info@rfec.com
press@rfec.com