Publicado: 08/12/2020 20:37:15

Irene Trabazo e Iván Feijoo exhíbense sobre o barro de Santiago

Dani López recuperou o maillot de líder elite na terceira xornada da Copa Galicia de Ciclocrós

 A terceira xornada da Copa Galicia de Ciclocrós foi a primeira da temporada marcada polo barro. A lama multiplicou este martes en Santiago de Compostela a esixencia do circuíto deseñado ao carón do estadio Vero Boquete, onde os dous grandes favoritos cumpriron os prognósticos. A elite Irene Trabazo (XSM) prolongou o seu pleno de vitorias no certame autonómico e o sub23 Iván Feijoo (Nesta-Skoda Alecar) estreouse no calendario galego vencendo na carreira raíña masculina por diante de Daniel López (Cambre), que recupera o maillot de líder elite.

O frío acompañou de principio a fin aos preto de 200 participantes na XIX edición do ciclocrós Cidade de Santiago, organizado polo Club Ciclista Compostelano-Muebles Compostela. A xornada arrancou coas competicións cadetes dominadas por André Martínez (Avanza) e María Filgueiras. A representante do Caimanes de Betanzos volveu superar, aínda que con máis dificultades que no seu anterior triunfo, á líder Uxía Soto (Avanza).

A continuación disputáronse as probas dos grupos de idade máster. Eva Ortega (Biciosos-Rías Baixas) e Andrés Calvete (Monte Xalo) impuxéronse en máster-30; Natalia Raña (Corbelo) e José Rodríguez ‘Tami’ (Norinver) subiron ao máis alto do podio entre os máster-40; Juan José Saborido (Speedcross) anotouse a vitoria nos máster-50 e Constante Lestido (O Trisquel), nos máster-60.

Remonta exprés

A chuvia fixo acto de presenza antes da última quenda de carreiras, na que entraron en acción os elite-sub23 e juniors de ambos sexos. Na súa primeira competición despois de lograr un histórico terceiro posto na Copa do Mundo de Tábor (República Checa), Iván Feijoo saíu dende as últimas posicións ao tratarse do seu debut no calendario autonómico. O alaricano realizou unha remonta exprés e ao final da primeira volta xa contaba con case medio minuto de vantaxe.

Por detrás do campión de España sub23 tivo lugar a batalla polo primeiro posto elite e tamén polo maillot de líder. Daniel López e Saúl López (Maceda) chegaban a Santiago igualados a puntos no máis alto da xeral e o empate desfíxose a prol do corredor do Cambre-Renault Caeiro. O coruñés cruzou a liña de meta a 2:25 do sub23 Feijoo, superando a Brais Sendín (Louriña). Terceiro entre os elites rematou o monfortino Saúl López.

En canto ás mulleres elite-sub23, Irene Trabazo mantense invicta nesta edición da Copa Galicia. A marinense volveu gañar con moita comodidade e nesta ocasión acompañárona no podio elite Xiana Conde (Maceda) e María Jesús Barros (Spol), segunda e terceira respectivamente. Os triunfos entre os juniors corresponderon a Laura Mira (Avanza) e a Miguel Rodríguez (Ponteareas).

Os rankings do certame autonómico teñen catro novos líderes. Ademais de Daniel López nos elites, Laura Mira recuperou a primeira posición nas juniors, Anxo Carril (Coruxo) desbancou ao seu compañeiro de equipo Ricardo Buba nos juniors e ‘Tami’ volve mandar nos máster-40. No resto de categorías continúan á fronte das clasificacións xerais Uxía Soto e André Martínez en cadetes, Carla Fernández (Río Miera) e David Fernández (Avanza) en sub23, Irene Trabazo nas elites, Eva Ortega e Rubén Deaño (Ourense Termal) en máster-30, Sonia Costoya (Corbelo) nas máster-40, José María Magariños (Condado Bike) nos máster-50 e Constante López nos máster-60.

A Copa Galicia celebrará as súas dúas últimas citas na fin de semana do 19 e 20 de decembro, o sábado na localidade pontevedresa do Porriño e o domingo no municipio ourensán de Maceda.

Clasificacións 

GALERÍA DE FOTOS

C/ Ferraz 16 - 5º Derecha
28008 | Madrid
Tel.: 915 40 08 41
info@rfec.com
press@rfec.com