Facebook Twitter Youtube Instagram TikTok RSS Español
Publicado: 18/12/2020 10:59:51

O Porriño e Maceda baixan o pano da Copa Galicia de Ciclocrós 2020

As dúas últimas citas do certame autonómico resolveran todos os rankings

A previsión meteorolóxica garante o barro na última e intensa fin de semana da Copa Galicia de Ciclocrós 2020. A edición do certame autonómico que conseguiu saír adiante grazas ao esforzo dos clubs e dos ciclistas para a aplicación estrita dos protocolos fronte á covid, resolverase cunha dobre cita. Os enlamados circuítos da localidade pontevedresa do Porriño e da ourensá de Maceda decidirán os gañadores finais de todos os rankings.

O gañador elite masculino do 2019 chega á recta final da Copa nunha situación límite para defender a súa coroa. Saúl López (Academia-Postal Maceda) ocupa a segunda posición na clasificación que domina por 50 puntos de vantaxe Daniel López (Cambre). O monfortino e o coruñés protagonizaron duelos moi parellos nas tres anteriores probas desta campaña e xogaranse o título nunha fin de semana que concluirá co representante do Maceda correndo como anfitrión.

Outra categoría que promete emocións fortes é a junior masculina. A diferenza entre os tres primeiros é unicamente de 20 puntos. Anxo Carril (Coruxo) lidera con 320, o seu compañeiro de equipo Ricardo Buba suma 310 e Miguel Rodríguez (Ponteareas), que a pasado fin de semana se impuxo na última carreira da Copa de España 2020, aparece na terceira posición da táboa con 300 puntos.

No resto dos rankings tampouco hai aínda ningún vencedor matemático. André Martínez e Uxía Soto, ambos do Avanza, dominan en cadetes; Laura Mira (Avanza) nas juniors; Carla Fernández (Río Miera) e David Fernández (Avanza) en sub23; Irene Trabazo (XSM) nas elites; Eva Ortega (Biciosos-Rías Baixas) e Rubén Deaño (Ourense Termal) en máster-30; Sonia Costoya (Corbelo) e José Rodríguez ‘Tami’ (Norinver) en máster-40; José María Magariños (Condado Bike) nos máster-50 e Constante Lestido (O Trisquel) nos máster-60.

Horarios

A primeira batalla contra a lama da fin de semana reunirá a 200 participantes no Velódromo do Porriño. No trazado onde a pasada campaña se disputou o Campionato de Galicia, nesta ocasión a AD Avanza-Concello do Porriño celebra a cuarta edición do seu ciclocrós. As quendas de saídas comezarán ás 13:00 horas coas carreiras cadete masculina, cadete feminina e júnior masculina. Ás 13:45 arrancarán as probas elite-sub23 de ambos sexos e a júnior feminina, mentres que na sesión de tarde comparecerán ás 15:45 os máster-30, máster-50/60 e as mulleres máster, encargándose de baixar o pano os máster-40 ás 16:45.

Ao día seguinte, os horarios e a distribución das quendas será diferente para os 202 inscritos no XIII Ciclocrós Castelo de Maceda – Copa Deputación de Ourense. Os máster-40 abrirán a xornada ás 10:00 horas e os máster-30, máster-50/60 e mulleres máster poranse en marcha ás 11:00. A competición regresará ás 12:45 coas dúas carreiras cadetes e coa júnior masculina, quedando para o final o prato forte das categorías elite-sub23 e a júnior masculina.

Os dous eventos levaranse a cabo sen público, tal e como aconteceu nas anteriores citas da Copa, e no organizado polo Club Ciclista Maceda entregaranse os premios finais da Copa Galicia 2020.

GALERÍA DE FOTOS

O Porriño e Maceda baixan o pano da Copa Galicia de Ciclocrós 2020
O Porriño e Maceda baixan o pano da Copa Galicia de Ciclocrós 2020

C/ Ferraz 16 - 5º Derecha
28008 | Madrid
Tel.: 915 40 08 41
info@rfec.com
press@rfec.com