Publicado: 20/12/2020 20:42:05

Maceda coroou aos quince gañadores finais da Copa Galicia de Ciclocrós 2020

Irene Trabazo e Saúl López certificaron os seus títulos Elite vencendo na última xornada

A edición da Copa Galicia de Ciclocrós marcada pola covid, cun calendario reducido e con estritos protocolos, pechouse este domingo na localidade ourensá de Maceda con quince gañadores finais. Irene Trabazo (XSM) e Saúl López (Academia Postal-Maceda) certificaron os seus títulos na categoría elite impoñéndose nesta quinta e última xornada. A coroa por equipos do certame autonómico correspondeu neste 2020 ao Avanza-O Porriño.

A diferenza do acontecido o día anterior no Porriño, o barro non xogou un papel determinante no XIII Ciclocrós Castelo de Maceda – Copa Deputación de Ourense. O cambio de escenario non impediu que Irene Trabazo e Saúl López repetiran os éxitos da véspera. A marinense selou o seu pleno de triunfos na Copa 2020 batendo á sub23 Carla Fernández (Río Miera) e no podio elite estivo escoltada por Xiana Conde (Academia Postal-Maceda) e Marías Jésus Barros (Spol), segunda e terceira respectivamente na categoría raíña feminina.

Aínda que a Saúl López lle bastaba con rematar terceiro para adxudicarse por segundo ano consecutivo o ranking elite masculino, o monfortino saíu mentalizado para conseguir a súa terceira vitoria da temporada. Na proba organizada polo seu club, o representante do Academia Postal-Maceda rodou nas dúas primeiras voltas xunto ao segundo clasificado na xeral, Daniel López (Cambre-Renault Caeiro), e a Brais Sendín (Louriña).

O líder puxo terra de por medio no terceiro xiro ao circuíto do Castelo e acabaría vencendo con 35 segundos de vantaxe, mentres que os seus perseguidores mantiveron ata a sétima e última volta un pulso que se decantou a prol do coruñés do Cambre. A orde de entrada na liña de meta resultou idéntica á da resolución do ranking elite da Copa.

Nómina de campións

No resto de categorías as corredoras e corredores que recibiron os últimos maillots de líderes do certame autonómico foron Uxía Soto (Avanza) e André Martínez (Avanza) en cadetes, Laura Mira (Avanza) e Miguel Rodríguez (Ponteareas) en juniors, Carla Fernández e David Fernández (Avanza) en sub23, Eva Ortega (Biciosos-Rías Baixas) e Rubén Deaño (Ourense Termal) en máster-30, Sonia Costoya (Corbelo) e José Rodríguez ‘Tami’ (Norinver) en máster-40, José María Magariños (Condado Bike) nos máster-50 e Constante Lestido (O Trisquel) nos máster-60.

A nómina de campións da Copa coincidiu coa de gañadores da última xornada, excepto en tres grupos de idade. María Filgueiras (Caimanes de Betanzos) anotouse o triunfo nas cadetes, Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko) foi o máis forte nos máster-40 e Juan José Saborido (Speedcross), nos máster-50.

Os catro títulos individuais conquistados pola A.D. Avanza chegaron acompañados da vitoria por equipos e coa presenza do club porriñés no podio baixouse o pano desta edición comprimida da Copa. Nun mes celebráronse cinco citas (Marín, Sanxenxo, Santiago de Compostela, O Porriño e Maceda), todas elas sen público. O ciclocrós autonómico despedirá a súa temporada 2020 coa disputa do Campionato de Galicia o vindeiro domingo en Ferrol.

Clasificacións 

GALERÍA DE FOTOS

C/ Ferraz 16 - 5º Derecha
28008 | Madrid
Tel.: 915 40 08 41
info@rfec.com
press@rfec.com