Facebook Twitter Youtube Instagram TikTok RSS Español
Publicado: 28/11/2020 21:31:03

Saúl López asalta o liderado e Irene Trabazo repite no bautizo de Sanxenxo na Copa Galicia

O elite do Maceda e a sub23 do XSM asinaron vitorias incontestables na primeira edición do Ciclocross Con da Romaíña

O Ciclocrós Con da Romaíña estreouse este sábado no calendario da Copa Galicia e fíxoo con senllas exhibicións dos gañadores nas carreiras elite-sub23. Irene Trabazo (XSM) e Saúl López (Academia Postal – Maceda) venceron con comodidade na segunda xornada do certame autonómico. En Sanxenxo, a marinense ratificou o seu dominio na competición feminina, mentres que o monfortino vestiuse de líder ao empatar a puntos con Daniel López (Cambre) no máis alto da táboa masculina.

No seu bautizo como circuíto de ciclocrós, a zona verde do parque empresarial de Nantes blindouse contra a covid. Os 193 participantes do evento organizado polo Club Ciclista Corbelo sometéronse ao protocolo deseñado pola Federación Galega de Ciclismo: tiveron que presentar un resultado negativo nunha proba para detectar o virus e usar a máscara durante os adestramentos. A proba celebrouse sen público e limitando a presenza de auxiliares a un por corredor.

A xornada comezou cos triunfos de María Filgueiras (Caimanes Betanzos) e André Martínez (Avanza) nas carreiras cadetes. A continuación, os masters acapararon o protagonismo con triunfos de Eva Ortega (Biciosos-Rías Baixas) e Rubén Deaño (Ourense Termal) en máster-30, Natalia Raña (Corbelo) e Marcos Mayo (BTT O Treito) en máster-40, Manuel Castro (Barbanzabike) nos máster-50 e Constante Lestido (O Trisquel) nos máster-60.

Na última quenda de saídas entraron en acción os elite-sub23 e juniors de ambos sexos. Saúl López e Daniel López rodaron xuntos na carreira raíña masculina ata que na terceira das sete voltas o segundo clasificado da xeral deixou atrás ao líder. O representante do Maceda seguiu marcando os mellores parciais ata que cruzou a liña de meta con 1 minuto e 33 segundos de vantaxe sobre o coruñés do Cambre. Os dous igualan a puntos no ranking da Copa.

A terceira posición elite correspondeu a Jorge Punzón (Cosmos), que superou ao esprint ao tamén porriñés Luis Fernández (Avanza). Coa vitoria sub23 fíxose David Fernández (Avanza), sexto na clasificación absoluta. Entre os juniors impúxose Ricardo Buba (Coruxo).

Lucindo a camisola de líder da Copa, Irene Trabazo non deu opción ao resto de mulleres. A elite do XSM rematou a primeira das cinco voltas distanciándose nun minuto da sub23 Carla Fernández (Río Miera), que pouco despois tivo que abandonar. A gañadora como anfitrioa o sábado anterior en Marín, estivo nesta ocasión escoltada no podio por María Jesús Barros (Spol) e Xiana Conde (Academia Postal – Maceda), segunda e terceira respectivamente. Sofía Álvarez (Cambre) anotouse o triunfo nas juniors.

Cambios nos rankings

Os puntos que se repartiron en Sanxenxo provocaron cinco cambios de líderes nos rankings da Copa. Ademais do elite Saúl López, Ricardo Buba e Sofía Álvarez encabezan agora as táboas juniors, Eva Ortega a máster-30 e Marcos Mayo a máster-40. No resto de categorías continúan mandando Uxía Soto (Avanza) e André Martínez en cadetes, Carla Fernández e David Fernández en sub23, Irene Trabazo nas elites, Rubén Deaño nos máster-30, Sonia Costoya (Corbelo) nas máster-40, José María Magariños (Condado Bike) nos máster-50 e Constante Lestido nos máster-60.

O certame autonómico regresará o 8 de decembro en Santiago de Compostela coa súa terceira e antepenúltima xornada.

Clasificacións 

 

GALERÍA DE FOTOS

Saúl López asalta o liderado e Irene Trabazo repite no bautizo de Sanxenxo na Copa Galicia
Saúl López asalta o liderado e Irene Trabazo repite no bautizo de Sanxenxo na Copa Galicia
Saúl López asalta o liderado e Irene Trabazo repite no bautizo de Sanxenxo na Copa Galicia
Saúl López asalta o liderado e Irene Trabazo repite no bautizo de Sanxenxo na Copa Galicia
Saúl López asalta o liderado e Irene Trabazo repite no bautizo de Sanxenxo na Copa Galicia
Saúl López asalta o liderado e Irene Trabazo repite no bautizo de Sanxenxo na Copa Galicia

C/ Ferraz 16 - 5º Derecha
28008 | Madrid
Tel.: 915 40 08 41
info@rfec.com
press@rfec.com