Facebook Twitter Youtube Instagram TikTok RSS Español
Publicado: 21/11/2020 22:22:14

Irene Trabazo e Daniel López triunfan na apertura da Copa Galicia de Ciclocrós en Marín

O gañador elite masculino superou ao esprint a Saúl López

Na burbulla do circuíto marinense de Chan de Gagán disputouse este sábado a primeira cita da Copa Galicia de Ciclocrós 2020. Nesta edición do certame autonómico marcado pola medidas fronte á covid, as dúas carreiras das categorías elite-sub23 resolvéronse de xeito ben diferente. A anfitrioa Irene Trabazo (XSM) venceu con moita solvencia na proba feminina, mentres que na masculina Daniel López (Cambre-Caeiro) superou ao esprint a Saúl López (Academia Postal-Maceda).

Sen público e cos participantes obrigados a presentar un resultado negativo nun test realizado entre 24 e 72 horas antes da competición, o evento organizado polo Club Ciclista XSM reuniu en Marín a 170 ciclocrosistas que tiñan que estar empadroados en Galicia. A xornada dividiuse en sesión de mañá e tarde para evitar as aglomeracións.

Na primeira quenda de saídas puxéronse en xogo catro maillots de líderes da Copa. Sonia Costoya (Corbelo) dominou nas máster-40, Montserrat Martínez (Oiense) foi a primeira máster-30 e a estrutura do Avanza fixo dobrete en cadetes coas vitorias de Uxía Soto e André Martínez.

A continuación, entraron en acción os juniors, tanto rapazas como rapaces, así como as elite-sub23. Irene Trabazo non deu opción dende os primeiros metros as súas rivais na categoría raíña feminina. A elite marinense corría na casa e na primeira das seis voltas ao trazado de Chan de Gagán distanciouse case nun minuto da sub23 Carla Fernández (Río Miera). A diferenza ao remate da carreira alcanzou os catro minutos e xunto á viguesa entrou a gañadora júnior Laura Mira (Avanza). Miguel Rodríguez (Ponteareas) impúxose na competición masculina.

Ao esprint

A sesión matinal concluíu coa emocionante proba elite-sub23 masculina. Tras unha posta en escena fulgurante de Brais Sendín (Louriña), Daniel López e Saúl López protagonizaron un man a man pola vitoria, un duelo moi parello no que a incógnita non se despexou ata os derradeiros metros da oitava e última volta. O coruñés aproveitou a súa punta de velocidade na recta final para bater ao monfortino. David Fernández (Avanza), mellor sub23, entrou a 53” do gañador en terceira posición e co mesmo tempo cruzou a liña de meta Jorge Punzón (Cosmos) por diante de Mauro González (Salvaterra) no esprint por completar o podio elite. 

Despois da paréntese do mediodía, celebráronse as carreiras dos masters masculinos pola tarde. Rubén Deaño (Ourense Termal) triunfou entre os de 30 anos, José Rodríguez (Norinver) nos máster-40, José María Magariños (Condado Bike) nos 50 e Constante Lestido (O Trisquel) nos 60. A Copa Galicia regresará o vindeiro sábado, de novo na provincia de Pontevedra. Sanxenxo acollerá a segunda xornada.

Clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

Irene Trabazo e Daniel López triunfan na apertura da Copa Galicia de Ciclocrós en Marín
Irene Trabazo e Daniel López triunfan na apertura da Copa Galicia de Ciclocrós en Marín
Irene Trabazo e Daniel López triunfan na apertura da Copa Galicia de Ciclocrós en Marín
Irene Trabazo e Daniel López triunfan na apertura da Copa Galicia de Ciclocrós en Marín
Irene Trabazo e Daniel López triunfan na apertura da Copa Galicia de Ciclocrós en Marín

C/ Ferraz 16 - 5º Derecha
28008 | Madrid
Tel.: 915 40 08 41
info@rfec.com
press@rfec.com